jueves, 20 de noviembre de 2008

ALGÚNS ALCUMES ESCOITADOS EN BIDUEIRA

Se por algo se caracterizan as pequenas aldeas galegas é porque nelas, os veciños se coñecen moito mellor ca polo seu propio nome, polo alcume que herdaron dos seus antepasados ou que, sinxelamente se lle impuxo sen unha razón realmente xustificada.

En Bidueira, como non podía ser doutro xeito, dende o cima ó fondo da aldea todos temos algún alcume que nos identifica ante o resto dos veciños e , moitas veces, cruzan as propias fronteiras e chegan a aldeas lindantes.

Así podería comezar polo “Santiño” e alí atoparíame coa casa do PENÍN, un antigo mote que veu herdado polo apelido, é que hoxe en día está moi estendido.

Un doas máis coñecidos é o dos PULEIROS, na actualidade un nome moi estendido ó tratarse dunha familia de grandes dimensións.

Non sei se unha vaixela completa pero PLATO si que temos, aínda que este non viva en Bidueira, nunca defrauda a súa patria.

Algo máis arriba atópome cos CHOZAS, e máis en concreto, co LINCHÓN, supoño que este nome veu dado, coma case todos, por mor de que algún día a alguén se lle ocorreu chamar así ó Ricardo e á súa familia e o nome se foi estendendo.

Outro alcume é o dos OS PEIXES, entre os que me debo incluír eu, e que creo que se caracterizan por ser pequenos torbellinos sen parada.

Tamén atopamos a casa dos NAVAREGAS, un nome que penso que foi tomado da rúa, ou zona da aldea que recibe o mesmo nome. A esta familia tamén pertencen o CIEN e o TARIRO. Este último un mote máis moderno que veu dado polos amigos dos sábados á noite.

OS MAGANOS tamén están presentes en Bidueira, e de estes creo que aínda me podo considerar tamén algo herdeira.

Xa como veciño meu, alá cara o cima da aldea, está o PENDEJO, pola súa afección á feitura de pequenos alpendres.

Estas tan só son algunhas mostras dos bautismos feitos entre veciños e que, nunca teñen ánimo de ofender, é ó mesmo tempo, tampouco admiten que ninguén se sinta ofendido por que o chamen cu nome que non foi o que lle puxeron os seus pais.

Aquí quedáronme sen mencionar algúns nomes que usamos entre nós e que non sei como, pero todos coñecemos os dos demais pero ninguén coñece o seu. Unha vez máis, este pequeno secreto tan só se trata dunha broma, nunca dun insulto.

De novo, dicir que esta forma de tratarse entre os veciños tan só é un bautismo máis, moi típico entre os galegos, e que parézanos ben ou mal creo que xamais o imos poder evitar.

Unha disculpa anticipada nesta entrada por algún mote dos meus veciños que de seguro me deixei olvidado.

jueves, 15 de mayo de 2008

OS NOSOS RECUNCHOS

Bidueira, como xa expliquei, se por algo se caracteriza, é por ser unha aldea moi pequena, polo que non podemos presumir de altas torres ou importantes monumentos, pero sí estamos moi orgullosos dos nosos pequenos recunchos ou espacios que por un ou por outro motivo teñen certo recoñecemento na aldea.

No cima da aldea está unha pequena capela e ó seu redor unha praza que, por proximidade chamamos: “A Capilla”. Esta capela, pese ó seu reducido tamaño, coidámola con esmero xa que,ademais de que non temos outra cousa, foi nela onde todos os veciños recibimos o bautismo, fixemos a 1ª Comuñón, e mesmo algúns ata casaron nela.







Na Capilla, tamén asoma o forno comunal, que a diferencia de outras aldeas galegas onde este espacio xa está derrubado ou sen ningún uso, aquí aínda que en menor medida de anos atrás, séguese empregando para facer un bo pan caseiro, reunirse nalgunha ocasión e sobre todo para asa-lo cabrito o día da festa.





Nesta “praza” é onde tamén está un dos pozos para lava-la roupa a man e ó lado, outro para abebera-lo gando. Nun dos extremos atópase unha das dúas fontes, a fonte “da Virxe das Neves”.



Se baixamos pola aldea, no medio, atopamos outra fonte e outros dous pozos, de semellantes características ó xa mencionado.

Moi preto encontramos “a Praza”, que aínda que tamén é de reducido tamaño é a que acolle as conversas dos domingos no banco que nela hai e que os propios veciños construíron. Tamén é aquí onde aínda de cando en vez se poden ver uns rapaces correndo detrás dunha pelota.

No fondo da aldea, que tamén é a entrada, está “O Santiño”, un santo metido no medio da fachada da casa do Leonardo. Ó seu carón atópase a adega deste veciño, que tamén serve de sitio para botar unha agradable conversa entre veciños.






Dous ríos son os que temos máis próximos á aldea, que en realidade son o mesmo. Estes, anos atrás en maior medida que agora, facían de piscina no verán para os máis novos. Son “ O Pontón” e “As Pasadas”. O primeiro é mais ou menos o que fai de separación entre Bidueira e Requeixo, outra aldea próxima que anteriormente mencionei.

Estes tan só son algúns dos nosos recunchos, que aínda que non son famosos nin valiosos, nos conservámolos con moito aprecio. Oxalá nunca os vexamos abandonados!!!

jueves, 8 de mayo de 2008

"UNHA RONDA DE FOLIÓN EN LISBOA"

Aínda o reloxo non marcaba as 4:30 da mañá do día 3 de maio cando o Grupo de Manzaneda comezou a súa aventura. O autobús saíu cargado cos bombos, aixadas, vestiario e demais apeiros necesarios para que o “noso fulión”se fixese coñecer polas rúas de Lisboa.

O camiño transcorreu sen complicacións ata que cara as 11 da mañá as 50 persoas saímos do autobús para coñecer a primeira poboación portuguesa visitada: Aveiras.

No Restaurante Pôr do Sol foi onde tivo lugar o xantar e foi alí onde tamén onde coñecemos á nosa guía que nos axudou nos nosos desprazamentos en terras portuguesas. Tamén neste local puidemos ver ós nosos veciños de Viana do Bolo ou Vilariño de Conso que tamén participaban co seu correspondente folión.

Xa rematado o xantar, cada grupo subiu de novo ó seu autobús tomando dirección Lisboa para de novo facer parada na “Casa do Alentejo”, onde tivemos que vestirnos e prepararnos xa que o desfile estaba a piques de comezar. Entre as presas por vestir as mázcaras, as dificultades coa lingua portuguesa e as gañas de empezar a tocar, non faltaron as risas e a boa conexión entre as 50 persoas.

Alá polas 17:30 (hora portuguesa), ante a mirada de moitos visitantes, chegou a hora de que os bombos e aixadas de Manzaneda comezaran a soar na Praça do Rossio cara a Praça do Comércio. Os que tocaban ¡como non! ían uniformados cuns serxeis que se conseguiron para a ocasión e pantalón negro; e as mázcaras e a figura do toro engalanáronse coma de costume: en Lisboa, coma se fose lnunha das nosas aldeas, tratábase de ser nós mesmos, ensinar o noso folión tal como é.

Unha vez rematado o “ III Desfile da Máscara Ibérica”e aínda que a calor e o cansazo se apoderaban dos participantes, de novo, non faltaron as bromas cos demais grupos.



O seguinte destino foi o Parque do Campismo de Monsanto, o cal, unha vez desfeitas as maletas e xa sen o noso vestiario característico, abandonamos para dirixirnos de novo ó centro de Lisboa, onde a cea nos agardaba. Despois desta, a festa seguiu ó longo da noite, alomenos entre os máis novos. Á mañá seguinte, pese ás poucas ganas de erguerse e as caras de sono dalgúns, o almorzo estaba preparado para nós. Tras el, abandonamos o local de aloxamento, deixando que o nosa “pandilla” tomase o resto da mañá libre para que cada un puidera gozar da capital portuguesa ó seu antollo.

O noso encontro foi na Praça do Rossio, e dende alí acudimos ó Restaurante Leao D´Ouro. Unha vez rematado o xantar, o que nos agardaba era de novo unha longa viaxe que deu pé a moitas risas, bromas, comentarios e tamén a algunha soneca.

Xa eran preto das 12 da noite cando chegamos a Manzaneda, onde o desexo de todos era abandonar o autobús. Foi aquí onde tamén todos puxemos fin a unha nova andaina da nosa vida.

Supoño que, como en todo, a opinión sobre este episodio pode dar para todo pero tamén creo que se tratou dunha fin de semana inesquecible para todos nós. Como membro do Consello do Folión e, polo tanto como unha das organizadoras do acontecemento, creo aínda que todo é mellorable, aínda que isto require paciencia e esforzo, para os que vivímo-lo fulión e non o mezclamos coas envidias, coa política ou con outros temas que non conducen a nada, dicir que o tentamos facer o mellor que puidemos e que foi esta unha grande oportunidade: “que o noso fulión cruce a s fronteiras e non morra é algo que a todos nos debe encher de emoción”.

Por último, noraboa a Portugal por este acontecemento,agradecidos pola invitación, así como, debemos dar grazas a todos os que participastes tanto coa vosa presencia en Lisboa coma con outro tipo de apoio nunha das primeiras andainas do Consello do Folión. E grazas tamén á Estación de Montaña de Manzaneda, ó propio Concello e a outros organismos colaboradores.

jueves, 24 de abril de 2008

POEMA PARA UNHA ALDEA

Quizais o máis importante
para calquera Terra
e que os seus habitantes
se enorgullezan dela.

E eso o que acontece
con tódolos galegos
que sentimos admiración
de nacer onde nacemos.

¿Cómo esquecer dende cativos
a frescura da natureza,
a brisa que ven do mar
ou o aire da serra?

¿Cómo evitar a saudade
ó verse lonxe do lugar
e as ganas que aparecen
de regresar ó noso lar?

Pero se existe un termo no diccionario,
que defina a nosa Terra
teremos que ir buscando
ata chegar a “aldea”.

Pero esta definición,
que podemos atopar
non amosa para nada
o significado real.

Xa que ese pequeño conxunto,
de casiñas moi pegadas
é na sua realidade
unha convivencia diaria.

Un conxunto de veciños,
unidos pola amizade
que se demostra cando algún deles
ten algunha necesidade.

¿Cómo explicarlle a unha persoa
que se críe na cidade
o que unha aldea
representa en realidade?

¿Cómo definir a confianza
de entrar na casa allea
coller a cousa necesaria
sen ningun tipo de problema?

¡E a ledicia que se sente
ó de novo regresar
e ver xa dende lonxe
unha cheminea fumegar!

Ou ver unha fiestra aberta,
xa despois de espertar,
sinal de que o veciño
a faena vai comezar.

E xa durante o día
que bonito é pasear,
rúa arriba, rúa abaixo
e unha conversa botar.
E é que existe un sentimento,
practicamente descoñecido
que só se pode explicar
dende onde un é nacido.

A pena deste “mundiño”
é a escasa poboación,
que cada día diminúe
e non se atopa solución.

As aldeas quedan baldeiras
e sen ningún rapaciño,
e xa durante o inverno
case non se ve un veciño.

Quizais o que nos queda
só é resignación,
e levar por lonxe que vaiamos
a nosa aldea no corazón.
Adicada á aldea de BIDUEIRA (Manzaneda)

jueves, 17 de abril de 2008

OS NOSOS TRABALLOS

Como en case tódalas aldeas galegas, os veciños de Bidueira, como xa comentei anteriormente na entrada adicada á vendima, viven maiormente do campo; aínda que a avellentada poboación do rural fai que moitos veciños vivan exclusivamente da súa pensión de xubilación.

Ademais da vendima, nunha aldea o traballo non cesa durante todo o ano, aínda que cada período trae a súa labor característica.




Na primavera é cando realmente comeza o traballo xa que é cando as hortas se teñen que ir preparando para botar o que será a colleita de todo o ano, e a viña se debe podar e cavar para garantir a calidade do viño. E neste tempo cando tamén se sementan as patacas, se planta a remolacha para os animais, se arranxan os xardíns e se plantan as primeiras leitugas e outras hortalizas, entre outras labores.



O traballo que segue é un dos mais escravos os que os labregos se someten, aínda que coas tecnoloxías da actualidade é todo moito máis levadeiro: trátase de mete-la herba para os animais e xa de seguido, recolle-lo pan que se sementou, isto ten lugar o día da malla.

A primeiros de setembro,chega o momento de recoller as patacas que con detalle coidamos durante gran parte do ano. Tras esto chega a época da vendima.

Xa cara o outono ten lugar a recollida das castañas: cada veciño acude coa súa cesta ó seu souto para así conseguir enche-los sacos que logo probablemente venderá.


Durante o mes de decembro en todas aldeas o que reinan son as matanzas. Con elas chegan as filloas e as ceas cos familiares e amigos en casa do veciño que ese día mata os porcos que todo o ano cebou. Ó día seguinte ten lugar a “desfeita” ou “aberta”, e nos días seguintes o que toca é face-los chourizos, que durante os meses que seguen se gardarán con gran esmero.

O ano remata sen que o labrego poida ter o seu merecido mes de vacacións e sen que moitos dos seus traballos nin sequera sexan debidamente recoñecidos, unha mágoa, pero tamén unha realidade que fai que por sorte ou por desgracia estes traballos dentro duns anos so queden no recordo dos máis vellos.

jueves, 10 de abril de 2008

A NOSA XENTE

En Bidueira, ó igual que acontece na maioría das aldeas galegas de orixe rural, cada vez somos menos, posto que os maís novos temos que deixar a aldea en busca dunhas mellares condicións (estudios, traballo…), e os máis vellos van desaparecendo, dun xeito ou doutro. As fins de semana son unha ledicia para os que están toda a semana sós e ven como o venres regresamos os fillos que estamos fóra durante a semana e outros visitantes que teñen a súa casiña na aldea para pasar as fins de semana relaxados do estrés da cidade.



Agora mesmo, son pouco máis de 20 persoas as que se poden contar durante o inverno, aínda que nas longas vacacións de verán, Nadal ou Semana Santa, este número se ve incrementado.





Os máis novos, como digo, seguimos a estudiar, aínda que o rapaz máis xove xa ten 14 anos, e os outros solteiros ou traballan ou tentan facer a súa propia vida. Os nosos pais, seguen a traballar na agricultura, e outros disfrutando da súa pensión de xubilación, tras unha longa vida de traballos xa .






Ademáis, somos nos, os que lle damos algo de vida a aldea, tanto na organización e colaboración nas diferentes celebracións como tamén para a realización dalgunhafalcatruada” das propias da xuventude.




Non temos bar nin tenda pero temos o mellor que se pode ter entre veciños: unha boa relación, que fai que o veciño sexa o mesmo tempo o que che tenda a man en caso de necesidade.









Oxalá se que pequenas aldeas coma esta non vaian desaparecendo e o rural poida, dalgún xeito, rexurdir.

A CASTRONADA



"Castronada"

Aínda que de seguro que este termo poida parecer un chisco bruto ou sen demasiado sentido, fóra do ámbito gandeiro, ó que realmente me vou a referir nesta pequena entrada é a unha festa típica da zona de Manzaneda e arredores, e polo tanto, da miña aldea.

Trátase dun acontecemento que se celebra cada ano a noite de Santos, é dicir, o 31 de outubro. É unha cea que reúne os solteiros e solteiras da aldea. Como non podía ser outra cousa, dado o seu nome, o menú é un cordeiro que as mozas preparamos para logo degustalo todos xuntos; do que se trata é de que a cea sexa na aldea e non e calquera restaurante, eso é o que ten de especial esta xuntanza.

Despois de cear, os protagonistas son os carros, eses antigos apeiros que hoxe en día xa están bastante no esquecemento. En concreto, os poucos carros que quedan e que se collen sen permiso, para o día seguinte “obrigar” ó seu dono a recollelo nalgún sitio pouco usual: o campanario, un camiño doutra aldea....

Ademais, a ilusión desta festa é que o carro se faga notar, o “cantar” as súas rodas de madeira, por toda a aldea, ou incluso por outras aldeas. Os mozos son os encargados de empuxar o carro, aínda que na actualidade, por comodidade e porque xa as tradicións van perdendo ilusión por parte dos participantes, sóese enganchar a un tractor, é así,poder montar todos encima do aparello.

En Bidueira, tamén temos outra “versión” desta festa. Os casados tamén se reúnen noutro local separado dos solteiros e, son eles os que na maioría das ocasións deciden sacar o carro que todo o ano permaneceu sen facer nada, mentres que os máis novos, optan por saír de marcha e despedir así a castronada dese ano.

Como digo,e como sabemos, estas antigas tradicións galegas, cada vez teñen menos importancia, xa que agora, ó contrario que sucedía no pasado, as formas de diversión son moitas e moi variadas, e ademais, nas aldeas xa non hai tantos mozos como en anos atrás, pero creo que así a todo debemos facer o posible por manter en pé estas festas tan arraigadas a Galicia.

jueves, 3 de abril de 2008

FESTA DE INTERESE TURÍSTICO


Diario Oficial de Galicia
martes, 11 de marzo de 2008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Resolución do 15 de febreiro de 2008 pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 7 de febreiro de 2008 polo que se declara festa de Galicia de interese turístico na provincia de Ourense o folión tradicional do Entroido de Manzaneda, que se celebra en Manzaneda (Ourense).O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 7 de febreiro de 2008, adoptou, por proposta do conselleiro de Innovación e Industria, o seguinte acordo:Declarar festa de Galicia de interese turístico na provincia de Ourense o folión tradicional do entroido de Manzaneda, que se celebra no entroido, no Concello de Manzaneda, de conformidade co establecido no Decreto 39/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de Consello Galego de Turismo, declaración de municipio turístico galego e declaración de festas de Galicia de interese turístico.En cumprimento co disposto no artigo 20 do devandito decreto ordénase a publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia e a notificación ás persoas ou entidades organizadoras da festa e ao concello correspondente.
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2008.P.D. (Orde 23-10-2007)Emilio Nogueira MoureSecretario xeral da Consellería de Innovacióne Industria
http://www.agalega.info/videos/?emi=1485&corte=2008-01-31&hora=15:01:01&canle=tvg1

ALGÚNS VERSOS PARA PEDIR O "PERMISO"


ALGÚNS VERSOS QUE SE DIXERON NO “PERMISO PARA ENTRAR NOUTRA ALDEA”

“Boas noites Requeixo
aquí estamos co folión
vimos todos dispostos
a revivi-la tradición.

A nosa foliada é pequena
tédesnos que perdoar
pero Bidueira queda sen xente
e non o podemos evitar.

E os poucos que quedamos
tratamos de nos xuntar
porque o que conta é o cariño
co que vimos a este lugar”.

A CONTINUACIÓN EXPOÑO UN VERSO ESCRITO POR UN VECIÑO DA MIÑA ALDEA HAI UNS ANOS, NO QUE LEMBRA OS TEMPOS DE ATRÁS:

“Xa pasaron tantos anos
e cambiounos tanto a vida
que se miramos atrás
todo parece mentira.
Agora vimos en coche
E ás veces en tractor
antes viñamos a pé
e alumeabamos cun fachón.

Para nós é unha ledicia
vernos aquí reunidos
esperando un ano enteiro
para xuntarnos cos amigos.

Non se debe gardar loito
tratándose dos carnavales
porque esto non é unha festa
só é unha amizade.

E a amizade logo se colle
pero hai que a conservar
e eso é o queremos nós:
xuntarnos ano tras ano
para revivi-lo carnaval.

lunes, 31 de marzo de 2008

UNHA RONDA DE "FOLIÓN"



Quizais para moitos o entroido tan só sexa unha epoca do ano para poñer os traxes máis orixinais, para sair a rúa ver pasar os diferentes persoaxes...pero para persoas coma min , o entroido é moito máis xa que agardamos todo o ano este acontecemento, vivimos o carnaval!!


No meu pequeno pobo, no que só quedan pouco máis de dez veciños, acúdese cada martes de carnaval a Manzaneda, a vila do Concello par reunirnos cos demais pobos e recorrer as rúas enmascaradas, tocando cada un ó seu son, e digo isto porque cada parroquia ten a súa forma de golpea-lo bombo coa “mazaroca”. Sen embargo, ademais desto vivimo-lo carnaval coa ilusión de seguir cunha tradición que fai anos comezaron os nosos antepasados.
A nosa tradición trátase de visitar un pobo veciño, Requeixo e de que os de alí acudan a Vidueira. Este ano, por exemplo, irémolos visitar o próximo sábado á noite, entre outras razóns para revivi-la nosa amizade.


Agora como sabemos, as aldeas galegas están cheas de xente maior polo que a nosa “foliada” é pequena, pois como digo temos que aproveitar unha fin de semana para que os que están fóra, podan acudir e participar na “rondiña” polas rúas de Requeixo, acompañados dun touro, dirixido por un toureiro e das “mázcaras” (mozos vestidos con chocas e cintas que bailan ó son do toque), propias desta zona.





Antes, fai uns sete anos iamos de día e despois de “toca-lo folión”, o pobo visitante recitaba uns versos nunha especie de obras no que cada un tiña o seu papel, sempre relacionado coa broma. Recórdome da felicidade que sentiamos ó reunirnos para ensaia-los papeis.





O que si nunca falta é o “permiso” de entrar no pobo que máis ben é unha excusa para saudar en forma de verso, ó igual que tampouco falta a comida que o pobo ofrece ós seus visitantes no cal é típica a empanada e o chourizo. Esta comilada, xa ó final serve como momento para rir e para que os que correron e bailaron podan descansar; e digo o de que os que correron porque algúns escapan do touro coma se fose de verdade e tamén dos “ataques” dalgún enmascarado, sobre todo, do touro, outra das figuras do noso entroido.







Outra das nosas costumes é a de bota-la fariña, aínda que, como non, isto tamén cambiou. Sen embargo todos intentamos que esta como as outras tradicións, non se perda e por iso, as mozas, aproveitamos a chegada dalgún forasteiro para botarlle a fariña; ó igual que a costume de face-lo “lardeiro” e expoñelo no medio do pobo o xoves de compadres, moitas veces vestido coas roupas dos mozos.


Como digo, a única pena que nós sentimos nesta data é que cada ano somos menos para andar unha “rondiña”; sen embargo, mozos e vellos, esperamos con gran ledicia e ilusión escoitar os bombos e as gadañas tocar preto da nosa porta para sacar unha xerra de viño e unirnos cos veciños collendo algo para tocar.Aínda que pasou moito tempo, no meu pobo, cando chega o día de visitar Requeixo non esquecemos, entre nós, recordar unha frase, famosa despois dun destes antigos carnavales: “Somos os de Bidueira e eso si”.

miércoles, 12 de marzo de 2008

A FESTA DAS NEVES



O día 5 de agosto é o día elexido no calendario para a celebración da patroa da miña aldea. Ese día o culto réndeselle a Virxe das Neves. Ainda que esto non debería ser así, cando este día non cae a fin de semana, a celebración resérvase para o fin de semana seguinte o día 5. Ese fin de semana, anque non se pode falar dunha celebración a gran escala dadas as limitacións que caracterizan este tipo de aldeas e tamén as limitacións económicas que imposibilitan a contratación de grandes orquestras, os veciños reunimos nas nosas casas aos familiares e amigos, que do ano anterior xa quedaron convidados.

Coma en toda festa deste tipo, a mañá do sábado amence cos primeiros estoupidos das bombas que anuncian ás aldeas lindantes que Bidueira está de celebración. Mentras uns poucos van á misa, as amas de casa máis afaenadas quedan preparando o xantar.

Xa despois de comer, e mentras os mozos e mozas empezamos a recaudar para paga-los grupos dese ano, os demáis veciños xuntanse a parolear agardando que a orquestra empece a tocar.

Pola noite, logo de cear e de deixar todo recollido para o seguinte día, os máis audaces aínda se atrven a seguir de troula ata case o amencer.

O domingo é o gran día por excelencia e aínda que o traballo non cesa para atender os nosos convidados, todo se deixa de lado cando chega a hora da misa e máis da procesión, onde ademáis temos ocoasión de lucir o traxe que de seguro estreamos nese momento.



O día transcorre entre a atención ós forasteiros que ese día nos acompañan e as ganas de que a celebración da nosa aldea nunca remate, xa que eso suporá o fin dalgo no que estamos pensando todo o ano e , ó mesmo temp osuporá o inicio dos preparativos para o próximo ano.

Xa cara as 12 da noite o cansazo apodérase de todos e ante os aplausos e os últimos foguetes a festa dase por rematada, aínda que moitos seguen con ánimo para aproveitar a queimada que pon fin “á festa de Bidueira”.

jueves, 6 de marzo de 2008

A VENDIMA NUNHA ALDEA

Como sabemos, son moitas as festas e tradicións que teñen lugar na nosa terra na súa correspondente época do ano. Aínda que para algúns non sexa máis ca un dos moitos traballos que se ven obrigados a facer os labregos, a min gustaríame incluír entre estas festas das que falo a vendima. É este un traballo comparable á seitura, á matanza… no que respeta a boa “conexión”e as bromas entre os veciños que fan que o traballo resulte moito máis levadeiro.
En outubro ou a finais de setembro é cando ten lugar a vendima, unha labor na que aínda que a uva é a protagonista, ésta queda nun segundo termo na mente do labrego que tenta recoller da mellor maneira posible a súa aprezada colleita, e así chegar a ter o mellor viño, que servirá ó mesmo tempo para reunir ós amigos e á familia nas longas noites de inverno, ó redor dun bo cacho de castañas asadas ou xa algo máis adiante, para acompañar ós chourizos novos.
Sen embargo, e decatándonos unha vez máis do moito que foron cambiando os tempos, vemos como o día da vendima se converteu nalgo moito menos costoso coa chegada do tractor as aldeas, así como do aparello para pisa-las uvas, que deixou que o lagar (consistente nuha trabe de madeira unida a un torno tamén de madeira que facía mover unha enorme pedra circular) ou as botas do viño feitas de peles de castrón ou cabra quedaran tan só no recordo.
Así a todo, na miña pequena aldea, pese a que como resulta evidente, non renunciamos a evolución e ó progreso, seguimos conservando as xuntanzas e as risas entre os veciños, que a pesar de comezar pola mañanciña cedo mentras se cortan os racimos, e continuar mentras as cubas se van enchendo, acadan o seu auxe durante a cea que ten lugar na casa do veciño que ese día recolle a colleita da ribeira.
É aquí onde o cansazo de todo o día se deixa de lado xa que resulta máis divertido prestar atención ós contos, pequenas burlas… que teñen lugar na mesa.
Con todo, esta pequena narración sobre a vendima non podería rematar sen facer unha mención ós nosos antepasados que foron, na miña opinión, quen realmente soportaron o esforzo de plantar as vides e construír as paredes que separan cada sorte da viña, comezando algunhas incluso ó pé do río e subindo ata unha elevada altitude.
Daquelas o máis moderno que existía para cegar ata a ribeira era o cabalo ou o carro das vacas. Sen embargo, este transporte non evitaba ó lombo do labrego ter que acarrear as uvas ata a saída, que na maioría dos casos se situaba na mesma cima da viña. Para evitar as longas camiñatas e tamén para acollerse dalgunha posible treboada, as viñas estaban case sempre provistas dunha pequena adega onde ademáis, na maioría dos casos se deixaba cocendo o viño antes de traelo cara a aldea.
Na actualidade, aínda que podemos ver algunha que outra “casiña” para comer o día da vendima e gardar os apeiros para tratar as vides, o que máis se observa son adegas abandoadas, algunhas xa totalmente desfeitas, pese a boa disposición das pedras que aínda mantén algunhas en pé.
Quizais se tiveramos un pouco de respeto polas nosas raíces e polos nosos costumes, sentiriamos moita nostalxia ó ir na actualidade a zonas de viñedo e ver que tan só ó noso redor dúas ou tres viñas se seguen a traballar. E esto o que acontece por exemplo en Valderrodrigo (Soutipedre-Manzaneda), onde dende un alto tan só se deixa ver monte e máis monte, con tan só pequenas paredes que indican que en tempos pasados alí se cultivaban as vides.
Preguntando ós meus veciños máis vellos a resposta que obtiven foi que toda esa maleza que hoxe vexo acolleu no seu tempo un dos mellores viños da zona: A Falcueira, que cedeu o seu nome a outra zona de ribeira de máis fácil acceso.
O triste de todo esto é que non só ten lugar nesta zona senón en tódolos viñedos de Galicia, así como noutras áreas onde se cultivaba o centeo, millo.
Así como creo que, dende logo nunca debemos rexeitar o enorme avance e a mellora nas técnicas de cultivo, tamén creo que xamáis se debería permitir o abandono das nosas tradicións, ou dos nosos traballos, aínda que esto resulte difícil nunha sociedade na que cada vez vai collendo maior auxe a vida urbana, vida ás veces demasiado estresada e descoñecida, pero que nos vemos obrigados a acoller porque en contadas ocasións se deixa notar un mínimo esforzo tanto dos galegos coma das autoridades competentes por dar unha oportunidade á modernización da nosa maneira de vivir no canto de incitarnos a unha contínua fuxida cara a industrialización ou cara ó sector servicios.
Oxalá consigamos algún día que traballos tan galegos coma a vendima reciban o recoñecemento que merecen.

miércoles, 27 de febrero de 2008

BREVE DESCRIPCIÓN






BIDUEIRA

Bidueira è unha pequena aldea do concello de Manzaneda, que se tan só a vemos dende fora non sería máis ca un pequeno conxunto de casiñas moi pegadas, algunhas delas xa medio derrubadas debido á escasa poboación que hoxe en día caracteriza á nosa terra. Sen embargo se realmente nos metemos de cheo no día a día dos veciños que viven neste lugar decatarémonos de que a definición que podíamos obter é a dunha familia, un grupo de persoas que comparten as súas penas, as súas ledicias e que cando hai algo que celebrar non dubidan en xuntarse, ou cando nin sequera existe un motivo definido para reunirse e botar unhas risas.

Nun marco máis obxectivo, Bidueira atópase nunha zona plenamente rural e aínda que a evolución chegou ata o recuncho máis pequeno do planeta, a tradición e o modo de vida segue mantendo moitos trazos da Galicia de anos atrás.

En canto os nosos elementos tradicionais, seguimos conservando varias festas coas que os nosos pais e avós contaban como único medio de diversión, entre elas podemos destacar o folión ou a castronada, celebracións quizais descoñecidas ante o exterior pero que en realidade agochan moito máis que unha festa.