lunes, 31 de marzo de 2008

UNHA RONDA DE "FOLIÓN"



Quizais para moitos o entroido tan só sexa unha epoca do ano para poñer os traxes máis orixinais, para sair a rúa ver pasar os diferentes persoaxes...pero para persoas coma min , o entroido é moito máis xa que agardamos todo o ano este acontecemento, vivimos o carnaval!!


No meu pequeno pobo, no que só quedan pouco máis de dez veciños, acúdese cada martes de carnaval a Manzaneda, a vila do Concello par reunirnos cos demais pobos e recorrer as rúas enmascaradas, tocando cada un ó seu son, e digo isto porque cada parroquia ten a súa forma de golpea-lo bombo coa “mazaroca”. Sen embargo, ademais desto vivimo-lo carnaval coa ilusión de seguir cunha tradición que fai anos comezaron os nosos antepasados.
A nosa tradición trátase de visitar un pobo veciño, Requeixo e de que os de alí acudan a Vidueira. Este ano, por exemplo, irémolos visitar o próximo sábado á noite, entre outras razóns para revivi-la nosa amizade.


Agora como sabemos, as aldeas galegas están cheas de xente maior polo que a nosa “foliada” é pequena, pois como digo temos que aproveitar unha fin de semana para que os que están fóra, podan acudir e participar na “rondiña” polas rúas de Requeixo, acompañados dun touro, dirixido por un toureiro e das “mázcaras” (mozos vestidos con chocas e cintas que bailan ó son do toque), propias desta zona.





Antes, fai uns sete anos iamos de día e despois de “toca-lo folión”, o pobo visitante recitaba uns versos nunha especie de obras no que cada un tiña o seu papel, sempre relacionado coa broma. Recórdome da felicidade que sentiamos ó reunirnos para ensaia-los papeis.





O que si nunca falta é o “permiso” de entrar no pobo que máis ben é unha excusa para saudar en forma de verso, ó igual que tampouco falta a comida que o pobo ofrece ós seus visitantes no cal é típica a empanada e o chourizo. Esta comilada, xa ó final serve como momento para rir e para que os que correron e bailaron podan descansar; e digo o de que os que correron porque algúns escapan do touro coma se fose de verdade e tamén dos “ataques” dalgún enmascarado, sobre todo, do touro, outra das figuras do noso entroido.







Outra das nosas costumes é a de bota-la fariña, aínda que, como non, isto tamén cambiou. Sen embargo todos intentamos que esta como as outras tradicións, non se perda e por iso, as mozas, aproveitamos a chegada dalgún forasteiro para botarlle a fariña; ó igual que a costume de face-lo “lardeiro” e expoñelo no medio do pobo o xoves de compadres, moitas veces vestido coas roupas dos mozos.


Como digo, a única pena que nós sentimos nesta data é que cada ano somos menos para andar unha “rondiña”; sen embargo, mozos e vellos, esperamos con gran ledicia e ilusión escoitar os bombos e as gadañas tocar preto da nosa porta para sacar unha xerra de viño e unirnos cos veciños collendo algo para tocar.Aínda que pasou moito tempo, no meu pobo, cando chega o día de visitar Requeixo non esquecemos, entre nós, recordar unha frase, famosa despois dun destes antigos carnavales: “Somos os de Bidueira e eso si”.

miércoles, 12 de marzo de 2008

A FESTA DAS NEVES



O día 5 de agosto é o día elexido no calendario para a celebración da patroa da miña aldea. Ese día o culto réndeselle a Virxe das Neves. Ainda que esto non debería ser así, cando este día non cae a fin de semana, a celebración resérvase para o fin de semana seguinte o día 5. Ese fin de semana, anque non se pode falar dunha celebración a gran escala dadas as limitacións que caracterizan este tipo de aldeas e tamén as limitacións económicas que imposibilitan a contratación de grandes orquestras, os veciños reunimos nas nosas casas aos familiares e amigos, que do ano anterior xa quedaron convidados.

Coma en toda festa deste tipo, a mañá do sábado amence cos primeiros estoupidos das bombas que anuncian ás aldeas lindantes que Bidueira está de celebración. Mentras uns poucos van á misa, as amas de casa máis afaenadas quedan preparando o xantar.

Xa despois de comer, e mentras os mozos e mozas empezamos a recaudar para paga-los grupos dese ano, os demáis veciños xuntanse a parolear agardando que a orquestra empece a tocar.

Pola noite, logo de cear e de deixar todo recollido para o seguinte día, os máis audaces aínda se atrven a seguir de troula ata case o amencer.

O domingo é o gran día por excelencia e aínda que o traballo non cesa para atender os nosos convidados, todo se deixa de lado cando chega a hora da misa e máis da procesión, onde ademáis temos ocoasión de lucir o traxe que de seguro estreamos nese momento.



O día transcorre entre a atención ós forasteiros que ese día nos acompañan e as ganas de que a celebración da nosa aldea nunca remate, xa que eso suporá o fin dalgo no que estamos pensando todo o ano e , ó mesmo temp osuporá o inicio dos preparativos para o próximo ano.

Xa cara as 12 da noite o cansazo apodérase de todos e ante os aplausos e os últimos foguetes a festa dase por rematada, aínda que moitos seguen con ánimo para aproveitar a queimada que pon fin “á festa de Bidueira”.

jueves, 6 de marzo de 2008

A VENDIMA NUNHA ALDEA

Como sabemos, son moitas as festas e tradicións que teñen lugar na nosa terra na súa correspondente época do ano. Aínda que para algúns non sexa máis ca un dos moitos traballos que se ven obrigados a facer os labregos, a min gustaríame incluír entre estas festas das que falo a vendima. É este un traballo comparable á seitura, á matanza… no que respeta a boa “conexión”e as bromas entre os veciños que fan que o traballo resulte moito máis levadeiro.
En outubro ou a finais de setembro é cando ten lugar a vendima, unha labor na que aínda que a uva é a protagonista, ésta queda nun segundo termo na mente do labrego que tenta recoller da mellor maneira posible a súa aprezada colleita, e así chegar a ter o mellor viño, que servirá ó mesmo tempo para reunir ós amigos e á familia nas longas noites de inverno, ó redor dun bo cacho de castañas asadas ou xa algo máis adiante, para acompañar ós chourizos novos.
Sen embargo, e decatándonos unha vez máis do moito que foron cambiando os tempos, vemos como o día da vendima se converteu nalgo moito menos costoso coa chegada do tractor as aldeas, así como do aparello para pisa-las uvas, que deixou que o lagar (consistente nuha trabe de madeira unida a un torno tamén de madeira que facía mover unha enorme pedra circular) ou as botas do viño feitas de peles de castrón ou cabra quedaran tan só no recordo.
Así a todo, na miña pequena aldea, pese a que como resulta evidente, non renunciamos a evolución e ó progreso, seguimos conservando as xuntanzas e as risas entre os veciños, que a pesar de comezar pola mañanciña cedo mentras se cortan os racimos, e continuar mentras as cubas se van enchendo, acadan o seu auxe durante a cea que ten lugar na casa do veciño que ese día recolle a colleita da ribeira.
É aquí onde o cansazo de todo o día se deixa de lado xa que resulta máis divertido prestar atención ós contos, pequenas burlas… que teñen lugar na mesa.
Con todo, esta pequena narración sobre a vendima non podería rematar sen facer unha mención ós nosos antepasados que foron, na miña opinión, quen realmente soportaron o esforzo de plantar as vides e construír as paredes que separan cada sorte da viña, comezando algunhas incluso ó pé do río e subindo ata unha elevada altitude.
Daquelas o máis moderno que existía para cegar ata a ribeira era o cabalo ou o carro das vacas. Sen embargo, este transporte non evitaba ó lombo do labrego ter que acarrear as uvas ata a saída, que na maioría dos casos se situaba na mesma cima da viña. Para evitar as longas camiñatas e tamén para acollerse dalgunha posible treboada, as viñas estaban case sempre provistas dunha pequena adega onde ademáis, na maioría dos casos se deixaba cocendo o viño antes de traelo cara a aldea.
Na actualidade, aínda que podemos ver algunha que outra “casiña” para comer o día da vendima e gardar os apeiros para tratar as vides, o que máis se observa son adegas abandoadas, algunhas xa totalmente desfeitas, pese a boa disposición das pedras que aínda mantén algunhas en pé.
Quizais se tiveramos un pouco de respeto polas nosas raíces e polos nosos costumes, sentiriamos moita nostalxia ó ir na actualidade a zonas de viñedo e ver que tan só ó noso redor dúas ou tres viñas se seguen a traballar. E esto o que acontece por exemplo en Valderrodrigo (Soutipedre-Manzaneda), onde dende un alto tan só se deixa ver monte e máis monte, con tan só pequenas paredes que indican que en tempos pasados alí se cultivaban as vides.
Preguntando ós meus veciños máis vellos a resposta que obtiven foi que toda esa maleza que hoxe vexo acolleu no seu tempo un dos mellores viños da zona: A Falcueira, que cedeu o seu nome a outra zona de ribeira de máis fácil acceso.
O triste de todo esto é que non só ten lugar nesta zona senón en tódolos viñedos de Galicia, así como noutras áreas onde se cultivaba o centeo, millo.
Así como creo que, dende logo nunca debemos rexeitar o enorme avance e a mellora nas técnicas de cultivo, tamén creo que xamáis se debería permitir o abandono das nosas tradicións, ou dos nosos traballos, aínda que esto resulte difícil nunha sociedade na que cada vez vai collendo maior auxe a vida urbana, vida ás veces demasiado estresada e descoñecida, pero que nos vemos obrigados a acoller porque en contadas ocasións se deixa notar un mínimo esforzo tanto dos galegos coma das autoridades competentes por dar unha oportunidade á modernización da nosa maneira de vivir no canto de incitarnos a unha contínua fuxida cara a industrialización ou cara ó sector servicios.
Oxalá consigamos algún día que traballos tan galegos coma a vendima reciban o recoñecemento que merecen.