lunes, 31 de marzo de 2008

UNHA RONDA DE "FOLIÓN"



Quizais para moitos o entroido tan só sexa unha epoca do ano para poñer os traxes máis orixinais, para sair a rúa ver pasar os diferentes persoaxes...pero para persoas coma min , o entroido é moito máis xa que agardamos todo o ano este acontecemento, vivimos o carnaval!!


No meu pequeno pobo, no que só quedan pouco máis de dez veciños, acúdese cada martes de carnaval a Manzaneda, a vila do Concello par reunirnos cos demais pobos e recorrer as rúas enmascaradas, tocando cada un ó seu son, e digo isto porque cada parroquia ten a súa forma de golpea-lo bombo coa “mazaroca”. Sen embargo, ademais desto vivimo-lo carnaval coa ilusión de seguir cunha tradición que fai anos comezaron os nosos antepasados.
A nosa tradición trátase de visitar un pobo veciño, Requeixo e de que os de alí acudan a Vidueira. Este ano, por exemplo, irémolos visitar o próximo sábado á noite, entre outras razóns para revivi-la nosa amizade.


Agora como sabemos, as aldeas galegas están cheas de xente maior polo que a nosa “foliada” é pequena, pois como digo temos que aproveitar unha fin de semana para que os que están fóra, podan acudir e participar na “rondiña” polas rúas de Requeixo, acompañados dun touro, dirixido por un toureiro e das “mázcaras” (mozos vestidos con chocas e cintas que bailan ó son do toque), propias desta zona.





Antes, fai uns sete anos iamos de día e despois de “toca-lo folión”, o pobo visitante recitaba uns versos nunha especie de obras no que cada un tiña o seu papel, sempre relacionado coa broma. Recórdome da felicidade que sentiamos ó reunirnos para ensaia-los papeis.





O que si nunca falta é o “permiso” de entrar no pobo que máis ben é unha excusa para saudar en forma de verso, ó igual que tampouco falta a comida que o pobo ofrece ós seus visitantes no cal é típica a empanada e o chourizo. Esta comilada, xa ó final serve como momento para rir e para que os que correron e bailaron podan descansar; e digo o de que os que correron porque algúns escapan do touro coma se fose de verdade e tamén dos “ataques” dalgún enmascarado, sobre todo, do touro, outra das figuras do noso entroido.







Outra das nosas costumes é a de bota-la fariña, aínda que, como non, isto tamén cambiou. Sen embargo todos intentamos que esta como as outras tradicións, non se perda e por iso, as mozas, aproveitamos a chegada dalgún forasteiro para botarlle a fariña; ó igual que a costume de face-lo “lardeiro” e expoñelo no medio do pobo o xoves de compadres, moitas veces vestido coas roupas dos mozos.


Como digo, a única pena que nós sentimos nesta data é que cada ano somos menos para andar unha “rondiña”; sen embargo, mozos e vellos, esperamos con gran ledicia e ilusión escoitar os bombos e as gadañas tocar preto da nosa porta para sacar unha xerra de viño e unirnos cos veciños collendo algo para tocar.Aínda que pasou moito tempo, no meu pobo, cando chega o día de visitar Requeixo non esquecemos, entre nós, recordar unha frase, famosa despois dun destes antigos carnavales: “Somos os de Bidueira e eso si”.

No hay comentarios: