jueves, 6 de marzo de 2008

A VENDIMA NUNHA ALDEA

Como sabemos, son moitas as festas e tradicións que teñen lugar na nosa terra na súa correspondente época do ano. Aínda que para algúns non sexa máis ca un dos moitos traballos que se ven obrigados a facer os labregos, a min gustaríame incluír entre estas festas das que falo a vendima. É este un traballo comparable á seitura, á matanza… no que respeta a boa “conexión”e as bromas entre os veciños que fan que o traballo resulte moito máis levadeiro.
En outubro ou a finais de setembro é cando ten lugar a vendima, unha labor na que aínda que a uva é a protagonista, ésta queda nun segundo termo na mente do labrego que tenta recoller da mellor maneira posible a súa aprezada colleita, e así chegar a ter o mellor viño, que servirá ó mesmo tempo para reunir ós amigos e á familia nas longas noites de inverno, ó redor dun bo cacho de castañas asadas ou xa algo máis adiante, para acompañar ós chourizos novos.
Sen embargo, e decatándonos unha vez máis do moito que foron cambiando os tempos, vemos como o día da vendima se converteu nalgo moito menos costoso coa chegada do tractor as aldeas, así como do aparello para pisa-las uvas, que deixou que o lagar (consistente nuha trabe de madeira unida a un torno tamén de madeira que facía mover unha enorme pedra circular) ou as botas do viño feitas de peles de castrón ou cabra quedaran tan só no recordo.
Así a todo, na miña pequena aldea, pese a que como resulta evidente, non renunciamos a evolución e ó progreso, seguimos conservando as xuntanzas e as risas entre os veciños, que a pesar de comezar pola mañanciña cedo mentras se cortan os racimos, e continuar mentras as cubas se van enchendo, acadan o seu auxe durante a cea que ten lugar na casa do veciño que ese día recolle a colleita da ribeira.
É aquí onde o cansazo de todo o día se deixa de lado xa que resulta máis divertido prestar atención ós contos, pequenas burlas… que teñen lugar na mesa.
Con todo, esta pequena narración sobre a vendima non podería rematar sen facer unha mención ós nosos antepasados que foron, na miña opinión, quen realmente soportaron o esforzo de plantar as vides e construír as paredes que separan cada sorte da viña, comezando algunhas incluso ó pé do río e subindo ata unha elevada altitude.
Daquelas o máis moderno que existía para cegar ata a ribeira era o cabalo ou o carro das vacas. Sen embargo, este transporte non evitaba ó lombo do labrego ter que acarrear as uvas ata a saída, que na maioría dos casos se situaba na mesma cima da viña. Para evitar as longas camiñatas e tamén para acollerse dalgunha posible treboada, as viñas estaban case sempre provistas dunha pequena adega onde ademáis, na maioría dos casos se deixaba cocendo o viño antes de traelo cara a aldea.
Na actualidade, aínda que podemos ver algunha que outra “casiña” para comer o día da vendima e gardar os apeiros para tratar as vides, o que máis se observa son adegas abandoadas, algunhas xa totalmente desfeitas, pese a boa disposición das pedras que aínda mantén algunhas en pé.
Quizais se tiveramos un pouco de respeto polas nosas raíces e polos nosos costumes, sentiriamos moita nostalxia ó ir na actualidade a zonas de viñedo e ver que tan só ó noso redor dúas ou tres viñas se seguen a traballar. E esto o que acontece por exemplo en Valderrodrigo (Soutipedre-Manzaneda), onde dende un alto tan só se deixa ver monte e máis monte, con tan só pequenas paredes que indican que en tempos pasados alí se cultivaban as vides.
Preguntando ós meus veciños máis vellos a resposta que obtiven foi que toda esa maleza que hoxe vexo acolleu no seu tempo un dos mellores viños da zona: A Falcueira, que cedeu o seu nome a outra zona de ribeira de máis fácil acceso.
O triste de todo esto é que non só ten lugar nesta zona senón en tódolos viñedos de Galicia, así como noutras áreas onde se cultivaba o centeo, millo.
Así como creo que, dende logo nunca debemos rexeitar o enorme avance e a mellora nas técnicas de cultivo, tamén creo que xamáis se debería permitir o abandono das nosas tradicións, ou dos nosos traballos, aínda que esto resulte difícil nunha sociedade na que cada vez vai collendo maior auxe a vida urbana, vida ás veces demasiado estresada e descoñecida, pero que nos vemos obrigados a acoller porque en contadas ocasións se deixa notar un mínimo esforzo tanto dos galegos coma das autoridades competentes por dar unha oportunidade á modernización da nosa maneira de vivir no canto de incitarnos a unha contínua fuxida cara a industrialización ou cara ó sector servicios.
Oxalá consigamos algún día que traballos tan galegos coma a vendima reciban o recoñecemento que merecen.

No hay comentarios: