jueves, 24 de abril de 2008

POEMA PARA UNHA ALDEA

Quizais o máis importante
para calquera Terra
e que os seus habitantes
se enorgullezan dela.

E eso o que acontece
con tódolos galegos
que sentimos admiración
de nacer onde nacemos.

¿Cómo esquecer dende cativos
a frescura da natureza,
a brisa que ven do mar
ou o aire da serra?

¿Cómo evitar a saudade
ó verse lonxe do lugar
e as ganas que aparecen
de regresar ó noso lar?

Pero se existe un termo no diccionario,
que defina a nosa Terra
teremos que ir buscando
ata chegar a “aldea”.

Pero esta definición,
que podemos atopar
non amosa para nada
o significado real.

Xa que ese pequeño conxunto,
de casiñas moi pegadas
é na sua realidade
unha convivencia diaria.

Un conxunto de veciños,
unidos pola amizade
que se demostra cando algún deles
ten algunha necesidade.

¿Cómo explicarlle a unha persoa
que se críe na cidade
o que unha aldea
representa en realidade?

¿Cómo definir a confianza
de entrar na casa allea
coller a cousa necesaria
sen ningun tipo de problema?

¡E a ledicia que se sente
ó de novo regresar
e ver xa dende lonxe
unha cheminea fumegar!

Ou ver unha fiestra aberta,
xa despois de espertar,
sinal de que o veciño
a faena vai comezar.

E xa durante o día
que bonito é pasear,
rúa arriba, rúa abaixo
e unha conversa botar.
E é que existe un sentimento,
practicamente descoñecido
que só se pode explicar
dende onde un é nacido.

A pena deste “mundiño”
é a escasa poboación,
que cada día diminúe
e non se atopa solución.

As aldeas quedan baldeiras
e sen ningún rapaciño,
e xa durante o inverno
case non se ve un veciño.

Quizais o que nos queda
só é resignación,
e levar por lonxe que vaiamos
a nosa aldea no corazón.
Adicada á aldea de BIDUEIRA (Manzaneda)

jueves, 17 de abril de 2008

OS NOSOS TRABALLOS

Como en case tódalas aldeas galegas, os veciños de Bidueira, como xa comentei anteriormente na entrada adicada á vendima, viven maiormente do campo; aínda que a avellentada poboación do rural fai que moitos veciños vivan exclusivamente da súa pensión de xubilación.

Ademais da vendima, nunha aldea o traballo non cesa durante todo o ano, aínda que cada período trae a súa labor característica.




Na primavera é cando realmente comeza o traballo xa que é cando as hortas se teñen que ir preparando para botar o que será a colleita de todo o ano, e a viña se debe podar e cavar para garantir a calidade do viño. E neste tempo cando tamén se sementan as patacas, se planta a remolacha para os animais, se arranxan os xardíns e se plantan as primeiras leitugas e outras hortalizas, entre outras labores.



O traballo que segue é un dos mais escravos os que os labregos se someten, aínda que coas tecnoloxías da actualidade é todo moito máis levadeiro: trátase de mete-la herba para os animais e xa de seguido, recolle-lo pan que se sementou, isto ten lugar o día da malla.

A primeiros de setembro,chega o momento de recoller as patacas que con detalle coidamos durante gran parte do ano. Tras esto chega a época da vendima.

Xa cara o outono ten lugar a recollida das castañas: cada veciño acude coa súa cesta ó seu souto para así conseguir enche-los sacos que logo probablemente venderá.


Durante o mes de decembro en todas aldeas o que reinan son as matanzas. Con elas chegan as filloas e as ceas cos familiares e amigos en casa do veciño que ese día mata os porcos que todo o ano cebou. Ó día seguinte ten lugar a “desfeita” ou “aberta”, e nos días seguintes o que toca é face-los chourizos, que durante os meses que seguen se gardarán con gran esmero.

O ano remata sen que o labrego poida ter o seu merecido mes de vacacións e sen que moitos dos seus traballos nin sequera sexan debidamente recoñecidos, unha mágoa, pero tamén unha realidade que fai que por sorte ou por desgracia estes traballos dentro duns anos so queden no recordo dos máis vellos.

jueves, 10 de abril de 2008

A NOSA XENTE

En Bidueira, ó igual que acontece na maioría das aldeas galegas de orixe rural, cada vez somos menos, posto que os maís novos temos que deixar a aldea en busca dunhas mellares condicións (estudios, traballo…), e os máis vellos van desaparecendo, dun xeito ou doutro. As fins de semana son unha ledicia para os que están toda a semana sós e ven como o venres regresamos os fillos que estamos fóra durante a semana e outros visitantes que teñen a súa casiña na aldea para pasar as fins de semana relaxados do estrés da cidade.



Agora mesmo, son pouco máis de 20 persoas as que se poden contar durante o inverno, aínda que nas longas vacacións de verán, Nadal ou Semana Santa, este número se ve incrementado.





Os máis novos, como digo, seguimos a estudiar, aínda que o rapaz máis xove xa ten 14 anos, e os outros solteiros ou traballan ou tentan facer a súa propia vida. Os nosos pais, seguen a traballar na agricultura, e outros disfrutando da súa pensión de xubilación, tras unha longa vida de traballos xa .






Ademáis, somos nos, os que lle damos algo de vida a aldea, tanto na organización e colaboración nas diferentes celebracións como tamén para a realización dalgunhafalcatruada” das propias da xuventude.




Non temos bar nin tenda pero temos o mellor que se pode ter entre veciños: unha boa relación, que fai que o veciño sexa o mesmo tempo o que che tenda a man en caso de necesidade.









Oxalá se que pequenas aldeas coma esta non vaian desaparecendo e o rural poida, dalgún xeito, rexurdir.

A CASTRONADA



"Castronada"

Aínda que de seguro que este termo poida parecer un chisco bruto ou sen demasiado sentido, fóra do ámbito gandeiro, ó que realmente me vou a referir nesta pequena entrada é a unha festa típica da zona de Manzaneda e arredores, e polo tanto, da miña aldea.

Trátase dun acontecemento que se celebra cada ano a noite de Santos, é dicir, o 31 de outubro. É unha cea que reúne os solteiros e solteiras da aldea. Como non podía ser outra cousa, dado o seu nome, o menú é un cordeiro que as mozas preparamos para logo degustalo todos xuntos; do que se trata é de que a cea sexa na aldea e non e calquera restaurante, eso é o que ten de especial esta xuntanza.

Despois de cear, os protagonistas son os carros, eses antigos apeiros que hoxe en día xa están bastante no esquecemento. En concreto, os poucos carros que quedan e que se collen sen permiso, para o día seguinte “obrigar” ó seu dono a recollelo nalgún sitio pouco usual: o campanario, un camiño doutra aldea....

Ademais, a ilusión desta festa é que o carro se faga notar, o “cantar” as súas rodas de madeira, por toda a aldea, ou incluso por outras aldeas. Os mozos son os encargados de empuxar o carro, aínda que na actualidade, por comodidade e porque xa as tradicións van perdendo ilusión por parte dos participantes, sóese enganchar a un tractor, é así,poder montar todos encima do aparello.

En Bidueira, tamén temos outra “versión” desta festa. Os casados tamén se reúnen noutro local separado dos solteiros e, son eles os que na maioría das ocasións deciden sacar o carro que todo o ano permaneceu sen facer nada, mentres que os máis novos, optan por saír de marcha e despedir así a castronada dese ano.

Como digo,e como sabemos, estas antigas tradicións galegas, cada vez teñen menos importancia, xa que agora, ó contrario que sucedía no pasado, as formas de diversión son moitas e moi variadas, e ademais, nas aldeas xa non hai tantos mozos como en anos atrás, pero creo que así a todo debemos facer o posible por manter en pé estas festas tan arraigadas a Galicia.

jueves, 3 de abril de 2008

FESTA DE INTERESE TURÍSTICO


Diario Oficial de Galicia
martes, 11 de marzo de 2008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Resolución do 15 de febreiro de 2008 pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 7 de febreiro de 2008 polo que se declara festa de Galicia de interese turístico na provincia de Ourense o folión tradicional do Entroido de Manzaneda, que se celebra en Manzaneda (Ourense).O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 7 de febreiro de 2008, adoptou, por proposta do conselleiro de Innovación e Industria, o seguinte acordo:Declarar festa de Galicia de interese turístico na provincia de Ourense o folión tradicional do entroido de Manzaneda, que se celebra no entroido, no Concello de Manzaneda, de conformidade co establecido no Decreto 39/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de Consello Galego de Turismo, declaración de municipio turístico galego e declaración de festas de Galicia de interese turístico.En cumprimento co disposto no artigo 20 do devandito decreto ordénase a publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia e a notificación ás persoas ou entidades organizadoras da festa e ao concello correspondente.
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2008.P.D. (Orde 23-10-2007)Emilio Nogueira MoureSecretario xeral da Consellería de Innovacióne Industria
http://www.agalega.info/videos/?emi=1485&corte=2008-01-31&hora=15:01:01&canle=tvg1

ALGÚNS VERSOS PARA PEDIR O "PERMISO"


ALGÚNS VERSOS QUE SE DIXERON NO “PERMISO PARA ENTRAR NOUTRA ALDEA”

“Boas noites Requeixo
aquí estamos co folión
vimos todos dispostos
a revivi-la tradición.

A nosa foliada é pequena
tédesnos que perdoar
pero Bidueira queda sen xente
e non o podemos evitar.

E os poucos que quedamos
tratamos de nos xuntar
porque o que conta é o cariño
co que vimos a este lugar”.

A CONTINUACIÓN EXPOÑO UN VERSO ESCRITO POR UN VECIÑO DA MIÑA ALDEA HAI UNS ANOS, NO QUE LEMBRA OS TEMPOS DE ATRÁS:

“Xa pasaron tantos anos
e cambiounos tanto a vida
que se miramos atrás
todo parece mentira.
Agora vimos en coche
E ás veces en tractor
antes viñamos a pé
e alumeabamos cun fachón.

Para nós é unha ledicia
vernos aquí reunidos
esperando un ano enteiro
para xuntarnos cos amigos.

Non se debe gardar loito
tratándose dos carnavales
porque esto non é unha festa
só é unha amizade.

E a amizade logo se colle
pero hai que a conservar
e eso é o queremos nós:
xuntarnos ano tras ano
para revivi-lo carnaval.