jueves, 10 de abril de 2008

A CASTRONADA



"Castronada"

Aínda que de seguro que este termo poida parecer un chisco bruto ou sen demasiado sentido, fóra do ámbito gandeiro, ó que realmente me vou a referir nesta pequena entrada é a unha festa típica da zona de Manzaneda e arredores, e polo tanto, da miña aldea.

Trátase dun acontecemento que se celebra cada ano a noite de Santos, é dicir, o 31 de outubro. É unha cea que reúne os solteiros e solteiras da aldea. Como non podía ser outra cousa, dado o seu nome, o menú é un cordeiro que as mozas preparamos para logo degustalo todos xuntos; do que se trata é de que a cea sexa na aldea e non e calquera restaurante, eso é o que ten de especial esta xuntanza.

Despois de cear, os protagonistas son os carros, eses antigos apeiros que hoxe en día xa están bastante no esquecemento. En concreto, os poucos carros que quedan e que se collen sen permiso, para o día seguinte “obrigar” ó seu dono a recollelo nalgún sitio pouco usual: o campanario, un camiño doutra aldea....

Ademais, a ilusión desta festa é que o carro se faga notar, o “cantar” as súas rodas de madeira, por toda a aldea, ou incluso por outras aldeas. Os mozos son os encargados de empuxar o carro, aínda que na actualidade, por comodidade e porque xa as tradicións van perdendo ilusión por parte dos participantes, sóese enganchar a un tractor, é así,poder montar todos encima do aparello.

En Bidueira, tamén temos outra “versión” desta festa. Os casados tamén se reúnen noutro local separado dos solteiros e, son eles os que na maioría das ocasións deciden sacar o carro que todo o ano permaneceu sen facer nada, mentres que os máis novos, optan por saír de marcha e despedir así a castronada dese ano.

Como digo,e como sabemos, estas antigas tradicións galegas, cada vez teñen menos importancia, xa que agora, ó contrario que sucedía no pasado, as formas de diversión son moitas e moi variadas, e ademais, nas aldeas xa non hai tantos mozos como en anos atrás, pero creo que así a todo debemos facer o posible por manter en pé estas festas tan arraigadas a Galicia.

No hay comentarios: