jueves, 17 de abril de 2008

OS NOSOS TRABALLOS

Como en case tódalas aldeas galegas, os veciños de Bidueira, como xa comentei anteriormente na entrada adicada á vendima, viven maiormente do campo; aínda que a avellentada poboación do rural fai que moitos veciños vivan exclusivamente da súa pensión de xubilación.

Ademais da vendima, nunha aldea o traballo non cesa durante todo o ano, aínda que cada período trae a súa labor característica.




Na primavera é cando realmente comeza o traballo xa que é cando as hortas se teñen que ir preparando para botar o que será a colleita de todo o ano, e a viña se debe podar e cavar para garantir a calidade do viño. E neste tempo cando tamén se sementan as patacas, se planta a remolacha para os animais, se arranxan os xardíns e se plantan as primeiras leitugas e outras hortalizas, entre outras labores.



O traballo que segue é un dos mais escravos os que os labregos se someten, aínda que coas tecnoloxías da actualidade é todo moito máis levadeiro: trátase de mete-la herba para os animais e xa de seguido, recolle-lo pan que se sementou, isto ten lugar o día da malla.

A primeiros de setembro,chega o momento de recoller as patacas que con detalle coidamos durante gran parte do ano. Tras esto chega a época da vendima.

Xa cara o outono ten lugar a recollida das castañas: cada veciño acude coa súa cesta ó seu souto para así conseguir enche-los sacos que logo probablemente venderá.


Durante o mes de decembro en todas aldeas o que reinan son as matanzas. Con elas chegan as filloas e as ceas cos familiares e amigos en casa do veciño que ese día mata os porcos que todo o ano cebou. Ó día seguinte ten lugar a “desfeita” ou “aberta”, e nos días seguintes o que toca é face-los chourizos, que durante os meses que seguen se gardarán con gran esmero.

O ano remata sen que o labrego poida ter o seu merecido mes de vacacións e sen que moitos dos seus traballos nin sequera sexan debidamente recoñecidos, unha mágoa, pero tamén unha realidade que fai que por sorte ou por desgracia estes traballos dentro duns anos so queden no recordo dos máis vellos.

No hay comentarios: