No cima da aldea está unha pequena capela e ó seu redor unha praza que, por proximidade chamamos: “A Capilla”. Esta capela, pese ó seu reducido tamaño, coidámola con esmero xa que,ademais de que non temos outra cousa, foi nela onde todos os veciños recibimos o bautismo, fixemos a 1ª Comuñón, e mesmo algúns ata casaron nela.

Na Capilla, tamén asoma o forno comunal, que a diferencia de outras aldeas galegas onde este espacio xa está derrubado ou sen ningún uso, aquí aínda que en menor medida de anos atrás, séguese empregando para facer un bo pan caseiro, reunirse nalgunha ocasión e sobre todo para asa-lo cabrito o día da festa.

Nesta “praza” é onde tamén está un dos pozos para lava-la roupa a man e ó lado, outro para abebera-lo gando. Nun dos extremos atópase unha das dúas fontes, a fonte “da Virxe das Neves”.
Se baixamos pola aldea, no medio, atopamos outra fonte e outros dous pozos, de semellantes características ó xa mencionado.
Moi preto encontramos “a Praza”, que aínda que tamén é de reducido tamaño é a que acolle as conversas dos domingos no banco que nela hai e que os propios veciños construíron. Tamén é aquí onde aínda de cando en vez se poden ver uns rapaces correndo detrás dunha pelota.
No fondo da aldea, que tamén é a entrada, está “O Santiño”, un santo metido no medio da fachada da casa do Leonardo. Ó seu carón atópase a adega deste veciño, que tamén serve de sitio para botar unha agradable conversa entre veciños.
Dous ríos son os que temos máis próximos á aldea, que en realidade son o mesmo. Estes, anos atrás en maior medida que agora, facían de piscina no verán para os máis novos. Son “ O Pontón” e “As Pasadas”. O primeiro é mais ou menos o que fai de separación entre Bidueira e Requeixo, outra aldea próxima que anteriormente mencionei.
Estes tan só son algúns dos nosos recunchos, que aínda que non son famosos nin valiosos, nos conservámolos con moito aprecio. Oxalá nunca os vexamos abandonados!!!